Venres, 25 de Decembro de 2009

Asalto ao ceo

O Curmán do Fervello

   Os animais salvaxes, cando andan esfameados polo monte, teñen comportamentos algo máis educados ca os destes dous señores a respecto da memoria do grande rianxeiro Daniel Rodríguez Castelao. Bon, memoria, memoria, non é precisamente a palabra que mellor define o “botín “ que buscan apañar, tamén pola cara, da persoa que actualmente é dona dos documentos, dos dereitos de propiedade intelectual e dunha casa en Rianxo vencellada moi colateralmente a Castelao. Estou a me referir ao avogado Javier Baltar.
      Adornen o proceso con “galeguidade”, “servizo ao País”, e demáis palabrería política, sen esquecer que, en virtude da nova lei da Caixas, os nosos partidos políticos terán unha representación do 20% na comandancia da entidade bancaria que resulte do proceso. 
                        

    Case nada, colegas, un 20% pola cara.              

     Eu tiña entendido que o mellor para todos, sobre todo para os impositores, era colocar ao frente de entidades bancarias a persoas que saben algo do tema, e tanto tería se fora un porto, ou un barco, ou unha carpintería, durmiríamos máis seguros e, estou case convencido, funcionaría mellor.Non sei se outras comunidades autónomas van ou non polo mesmo camiño, pero, en calquer caso, o que acontece en Galicia demostra ata qué ponto desexan penetrar os partidos políticos na sociedade civil para obter un mellor resultado cara os seus intereses sen converterse en responsabeis do que poida pasar.Vexamos por que: como é ben sabido, os partidos políticos galegos e españois (e cataláns, bascos, murcianos, andaluces...) viven dos orzamentos públicos e non das cuotas dos seus militantes, viven dunha sopa nada boba, e gastan uns cartos que non teñen e que solicitan en préstamo á banca.  20091124elpepunac_9_ies_lco.jpg                  

         Cada certo tempo, brinca un escándalo contable, unha comisión mal cobrada, un sobreprezo, un tipo con bigote, un Pablo Crespo.                    

        Tamén cada certo tempo, o Tribunal de Contas advirte aos responsabeis de finanzas dos partidos políticos que así non poden continuar, que as contas teñen que ser máis claras, que “artificios contables” os memos posibéis.Serán estes señores dos partidos políticos, que non son quen de limpar as súas propias casas, os que van dirixir en parte o destino da futura Caixa de Aforros Galega sen poñer un peso, sen arriscar unha mica, sen estar sometidos á mesma lei que rixe para todo quisque?             

        Pois semella que sí, queridas e queridos, semella que sí e ademáis pola cara.  Menos mal que non teño os meus aforros de xubilado en nengunha das caixas furadas do Norte e Sul de Galicia. E vostedes...?          

        Outro asalto aos ceos é o protagonizado pola que chamaremos “Banda dos Dous”, a saber, por Avelino Pousa Antelo, Presidente da Fundación Castelao, e por Pedro Piñeiro, alcalde sociata de Rianxo.                      

       Hai en Galicia un medio de comunicación impreso chamado “Xornal de Galicia”, (sí, ese no que Anxo Quintana tiña depositadas tantas esperanzas), que, amaís de praticar o famoso “bilingüismo armónico” de Manolo Fraga, hai un ano máis ou menos lanzou unha campaña de desprestixio contra o devandito avogado (e por elevación contra toda a familia Baltar) que estos días volveu reaxir, talvez porque venden poucos exemplares e a súa presenza é maís ben cativa.               

        Non sei se saben que a familia Baltar, durante os anos da dictadura do Xeneral Francisco Franco, foi quen sostivo en todos os sentidos ás dúas irmás do político rianxeiro, e que adoitar esa postura de apoio e de conservación da memorira dun político nacionalista galego e republicano significaba oporse ao réximen franquista, con todo o que iso podía provocar.              

       Abonda cun exemplo: foi o pai de Javier Baltar quen adquiríu en subasta a casa que hoxe quere apañar a “Banda dos Dous”, enfrontándose a falanxistas e demáis bicherío, coa intención de devolverlla a Josefina e Teresa, as irnás entón vivas de Castelao, como así fixo: comprou a casa e regaloulla.               

        Por esta razón, e por moitas outras que non caben nas páxinas virtuais deste blog, que non paga un peso polas colaboracións, non resulta sorprendente que Javier Baltar fora declarado polas irmáns Castelao, Teresa e Josefina, herdeiro universal das poucas cousas que teñen relación co seu irmán.            

     Se, a maiores, resulta que Javier Baltar houbo de defender ás irmás Castelao non xulgados para lograr que a benemérita Editorial Galaxia pagara as cantidades derivadas da explotación comercial da obra intelectual de Daniel Rodríguez Castelao, xa que os xestores de Galaxia non soltaban un chavo ¡ás irmás de Castelao! dos dereitos de autor que producían, comprenderán que unha frase famosa, un pouco modificada, cobra plena vixencia: “O galego é un lobo para o home”.            

       Hai que ser retorcido, ter un alma de reptil, desagradecido e cruel para comportarse así con aquelas dúas mulleres. Pois iso fixeron, os comandantes da Editorial Galaxia, un episodio nada edificante dos nosos sobranceiros de Nazón.A “Banda dos Dous” debeu asistir á mesma escola onde aprenderon os da Editorial Galaxia, porque agora veñen coa cantinela de “expropiar” a Javier Baltar e quedarse eles coa casa de Rianxo e os dereitos de autor da obra de Castelao. Para lograr o seu obxectivo, contaron durante o anterior Goberno “Bi” co apoio incondicional da anterior Conselleira de Cultura, camarada Ánxela Bugallo, que hoxe vive en Madrid disfrutando das amplas e luminosas avenidas metropolitanas, outro día falaremos de Ánxela, quen filtraba a “Xornal de Galicia” os pasos que ían dar co obxectivo de doblegar, mediante unha campaña de prensa miserable, a vontade de Javier Baltar e frustrar os seus proxectos.              

       Pode ser que lembren o nerviosismo que invadía á chavalada cando repartíanse cromos á porta da escola, aquilo era moito. Hoxe xa non hai quen distribúa cromos de balde, hoxe todo é Play, a Nintendo, o Wifii, pero hai quen pretende facer unha coleción de estampiñas sen ser o dono do álbum, e este sería o caso de tres persoas moi respetabeis, listas coma allos, espabilados en grao sumo, que lle presentaron ao alcalde de Rianxo, camarada Pedro Piñeiro, un proxecto do que non se sabe ren e que consistía en montar en Rianxo unha “Academia Literaria” repartida en tres imobles: a casa do poeta Manuel Antonio, a casa do escritor Rafael Dieste e a casa de Castelao.                

        Estos “académicos” son Xesús Alonso Montero, Isaac Díaz Pardo e Xosé Luís Axeitos, persoas distinguidas que podían ter a amabilidade de apresentar a famosa “Academia” en sociedade, con estatutos, actas de legalización e fondos monetarios, para así saber se estamos frente a un soño, un pesadelo ou unha ocorrencia de pésimo gosto. Fica tranquilo, caro letor, non farán tal.        

       En resumo: unha sociedade de carácter privado, a Fundación Castelao, quere facer algo con algo que non lle pertence; o propietario dese algo, que ten outros planos, dilles que nasti de plasti; o goberno de turno, que era bipartito, actúa de cara unha expropiación, e un xornal comeza unha campaña de desprestixio do propietario sobre a base das informacións que lle van subministrando tanto a Conselleira de Cultura como o Alcalde de Rianxo.
Singular xeito de proceder. Anden con ollo.              

      


Tags: XABIER BALTAR, CASTELAO, RIANXO

Publicado por caligula @ 23:25  | Artigos
Comentarios (0)  | Enviar
Comentarios