¿ ONDE ESTÁ A ESQUERDA?
Artigo de Teo Cardalda F.
O tren que corre a unha velocidade impresionante vai parando de cando en vez en moitas estacións, leva un destino cheo de túneles moi escuros e incertos. Un destino que moitos de nós sabemos, non o dicimos, pero aceptamos como un mal que moitos están a dicir que xa non ten remedio.
Aínda penso que pode ter remedio antes de que sexa tarde e ese tren non estoupe ao final do percorrido. A solución ten que vir desa esquerda progresista, ecoloxista e social collendo ese tren en calquera estación, non soamente velo pasar e poñer cara de tristura. Coido que aínda está a tempo de facer ese esforzo, de recuperar a conciencia crítica, conciencia de clase, conciencia solidaria e a conciencia de ser humano.
Comprendo que nestes tempos que corren en países de alto e medio grado de desenrolo económico como España, foi fabricado a conciencia polo liberalismo salvaxe para que se perda esa conciencia crítica do persoal. Os medios de comunicación (falsimedia) tratan por tódolos medios de que aceptemos a guerra para así reinar a paz. Que aceptemos que no nome da paz os gastos de defensa sexan desorbitados e permitir que se crean conflitos artificiais para desfacerse de stocks de armas. Permitimos e aceptamos que non se condene un asasinato de outro humano, malia que os gobernos decreten que é un inimigo e teño que matalo. Eses medios case conseguen que acepte a división da opinión pública, creando un partido de dereita (PP) e outro “esquerda” (PSOE) que teñen nestes intres un pasatempo, un xogo, facendo entre eles un simulacro de enfrontamento, facéndonos crer que o sistema vai por bo camiño e avanza , pero avanza como ese tren con destino a estoupar.
Eses medios escritos e audiovisuais controlados pola gran banca, grandes corporacións e homes de negocios, que teñen o poder, que non son elixidos democraticamente e son totalmente libres de controlar aos estados tentan e tratan de que aceptemos as novas negativas e aterradoras do mundo tódolos días, para así facer ver que a nosa situación en Occidente é moi normal, seguir mantendo o medo no noso corpo e xustificar masacres e guerras.
Nos din que temos que aceptar esa guerra económica que está actuando salvaxemente como un casino ilegal sobre este pequeno planeta que nos leva ao “planeticidio”, a unha catástrofe. Non acepto, nin consentirei mentres teña a cabeza enriba do lombo que eses poderes “fácticos” me traten como gando, xa que esa é a súa intención cara ao persoal.
Todo isto coa anuencia da esquerda, desa esquerda que considérase pura, da esquerda posibilista que anda un pouco a deriva en centos de debates que por mor deses (falsimedia) moi pouca xente escoita. ¿ Lles interesa ao persoal que os corruptos sexa condenados e vaian para o cárcere ?. ¿ Lles interesa que sexamos bárbaros consumidores?. A lei do aborto, o xenocidio franquista, os matrimonios homosexuais. Todo isto lles importa un carallo ao persoal, por certo que son maioría neste país e parte de Europa. ¿Saben porqué non lles interesa?. Porque estase a perder (ou xa se perdeu) os valores e o da nosa condición como humanos.
Esa esquerda de valores a que eu coñecín fai tempo, ten que tomar ese tren, con obxectivos moi concretos, acometer os cambios que esta sociedade inxusta e depredadora necesita e deixarse de debates que a ninguén lle interesa.
Teñen que loitar coas mesmas armas que usan eses depredadores do planeta, xuntar tódolos esforzos cara a eses cidadáns que aínda teñen a esperanza e cren en que outro mundo é posible, loitar dentro das posibilidades en crear un sistema educativo que forme cidadáns conscientes, críticos, libres e solidarios.
Fai un tempo, preto de catro anos, José Saramago dicía unhas palabras moi fortes á esquerda, a frase era a seguinte: “La izquierda no tiene ni puta idea del mundo en que vive”. Foi unhas palabras moi duras e coido que deliberadamente provocadoras. Esa esquerda interpelada por Saramago, respondeu co máis absoluto silencio, ningún partido saíu á palestra para rebater ou argumentar esa frase.
Ollamos como a situación do mundo está a complicarse cada vez máis e esa esquerda segue un pouco estancada, está a perder ese tren da oportunidade da crises do capitalismo salvaxe, onde Marx nunca había tido tanta razón como hoxe.